Wednesday 15 de May de 2024

O autobús do Portus Apostoli de fútbol sala levará a imaxe de Noia por toda España


 

A rotulación do vehículo foi presentada esta mañá na Alameda da vila

O autobús do Noia Portus Apostoli de fútbol sala levará a imaxe da vila por toda España. A nova rotulación do vehículo que a entidade deportiva utiliza para os seus desprazamentos de competición foi presentada esta mañá na Alameda da vila.

Ante a unidade, estacionada diante da Casa do Concello, estiveron o alcalde de Noia, Santiago Freire; a concelleira de Deportes, Laura Salgado; o presidente do club, Severino Barreiro; o director deportivo, Javier Barreiro; o corpo técnico e xogadores e responsables da empresa Autos Dosil.

O alcalde destacou a importancia de que o nome de Noia quede ligado ao deporte nos desprazamentos do equipo por toda a xeografía española na vindeira tempada da segunda división da Liga Nacional de Fútbol Sala. Freire aproveitou de novo para desexarlles éxito aos xogadores e ao corpo técnico na competición, que disputará a súa primeira xornada o 14 de setembro. O equipo noiés acudirá a Castellón para xogar co Bisontes.